Cedeira – Vila en Transición

A asociación Lugares Comúns organiza unha serie de charlas informativas para presentar o seu proxecto “Cedeira en Transición”. Nestas charlas queremos introducir brevemente a idea de cidade en transición, un concepto que xa funciona noutras partes do mundo e que engloba diferentes aspectos da nosa sociedade: a alimentación, o transporte, a enerxía…

Con este proxecto queremos poñer o foco na xestión sostible dos nosos recursos de maneira que haxa un impacto directo e positivo na comunidade local, unindo o coñecemento tradicional coa innovación e creando ao mesmo tempo novos vínculos e dinámicas entre as persoas que a compoñemos.

Ademais contaremos con varios invitados que presentarán proxectos que actualmente están en marcha en diferentes lugares de Galicia, que se enmarcan dentro deste movemento de cidade en transición e que cremos que poden inspirar novas iniciativas na nosa contorna.

As charlas terán lugar na sala Áncora (praza Roxa) de Cedeira o vindeiro domingo 8 de maio ás 11:30 da mañá.

Transition Network

E ti que fas no Ortegal

Nosa Enerxía

Projecto Dispersor

ACTUALIZACIÓN: Cancélase finalmente a charla de Noa Orizales de “E ti que fas no Ortegal”, á que esperamos poder convidar noutra ocasión. No seu lugar teremos a Verónica Dantas Hortas que nos falará da asociación “Cedeira en Pé“, o seu Bazar Solidario e a reutilización de produtos de segunda man.