Estatutos

Estatutos da Asociación Lugares Comúns

CAPÍTULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1. Denominación e natureza

Coa denominación de “ASOCIACIÓN LUGARES COMÚNS”, constitúese unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro, ao amparo do disposto no artigo 22 da Constitución Española, na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e demais lexislación aplicable.

Art. 2 Personalidade e capacidade

A asociación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, suxeita ao establecido no ordenamento xurídico.

Artigo 3. Enderezo

A asociación establece o seu enderezo social na rúa Lugar O Formigueiro nº 5, no concello de Cedeira, A Coruña.

Artigo 4. Ámbito de actuación

O ámbito territorial no que a asociación vai desenvolver principalmente as súas actividades é: A provincia da Coruña.

Artigo 5. Duración

A asociación constitúese por tempo indefinido e rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 6. Fins

1. Son fins principais da asociación:

  1. Intercambios culturais e lingüísticos entre extranxeiros e galegos.
       
  2. Promover a integración social dos extranxeiros na comunidade.
       
  3. Fomentar o interese pola ecoloxía, o folclore, a historia e a cultura.
       
  4. Realización de actividades deportivas e recreativas co obxecto de levar unha     vida saudable.
       
  5. Difundir traballos, ideas, proxectos artísticos con medios audiovisuais.

2. Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:

  1. Proxectos que inclúen entrevistas, vídeos e colección de datos en arquivos.
       
  2. Eventos culturais, lingüísticos, ecolóxicos, deportivos e educacionais.
       
  3. Teatro, arte, música, artigos e outras creacións que xurden do material recollido e experiencias vividas.
       
  4. Intercambios de capacidades e bancos do tempo.
       
  5. Calquera outra finalidade tendente á defensa e maior eficacia da Asociación, en aras a ofrecer un mellor servizo ao intercambio cultural, utilizando para iso os medios que permita a legalidade vixente.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

CAPÍTULO II

DAS PERSOAS ASOCIADAS

Artigo 7. Requisitos

1. Para adquirir a condición de persoa asociada requírese ser persoa física ou xurídica e ter interese no desenvolvemento dos fins da asociación.

2. As persoas físicas deben ser maiores de idade ou menores emancipados con capacidade de obrar e non estar suxeitas a inhabilitación ou condición legal para o exercicio do dereito.

3. Os menores de máis de 14 anos non emancipados necesitan o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade.

4. As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán o acordo expreso do seu órgano competente, e as de natureza institucional, o acordo do seu órgano reitor.

Artigo 8. Clases de persoas asociadas

Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de asociados ou asociadas:

  1. Fundadores ou fundadoras, aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
       
  2. De número, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á     subscrición da acta fundacional.
       
  3. De honra, aquelas persoas que, polos seus méritos persoais ou profesionais ou por ter contribuído de xeito relevante ao desenvolvemento da asociación, sexan nomeados pola Asemblea Xeral.    

Artigo 9. Perda da condición de persoa asociada

1. A condición de asociado ou asociada pérdese:

  1. Por vontade propia, que se fará efectiva mediante presentación de renuncia, por escrito ante a Xunta Directiva e dirixida á secretaría da asociación. A renuncia terá efectos desde a data da súa presentación.
       
  2. Por falta de pagamento de 2 cotas, que será efectiva desde a notificación do acordo adoptado pola Xunta Directiva, ao interesado.

A persoa que perdese a súa condición de asociada polo suposto sinalado no apartado anterior, poderá ser rehabilitada na súa condición de asociada, se no prazo de seis meses desde a notificación abonase as cotas pendentes de pago.

  1. Por incumprimento dos presentes estatutos ou dos acordos validamente     adoptados polos órganos da asociación, así como pola realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación.
       
  2. Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

2.- A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 10. Dereitos

1. As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:

  1. Participar nas actividades da asociación.
  1. Ser electoras e elixibles para os cargos dos órganos de goberno.
       
  2. Participar nas Asembleas con voz e voto.    
       
  3. Recibir información da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
  1. Acceder á documentación da asociación a través dos órganos de     representación.
       
  2. Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
       
  3. Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós estatutos.

2. Non poderán exercer o dereito de sufraxio activo e pasivo as persoas asociadas que non estean ao día no pagamento das cotas sociais.

3. As persoas asociadas de honra non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación desta, pero poderán asistir ás asembleas con voz, pero sen voto.

4. Os menores baixo a tutela das persoas asociadas terán o dereito que describe o apartado a) deste artigo: participar das actividades que promova a asociación, nas mesmas condicións que os socios.

Artigo 11. Obrigas

Son obrigas das persoas asociadas:

  1. Cumprir os presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos     órganos de goberno e representación da asociación.
       
  2. Pagar as cotas que de conformidade cos estatutos, se establezan.
  3. Desempeñar as obrigas inherentes aos cargos para os que foron elixidas.
  4. Asistir ás asembleas e demais actos organizados pola asociación.

CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 12. Organización da asociación

Os órganos de goberno e representación da asociación son a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, que adoptarán os seus acordos de conformidade co principio maioritario ou de democracia interna.

Artigo 13. Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e está integrada por todas as persoas asociadas.

Artigo 14. Reunións: clases e convocatoria

1. As reunións da Asemblea Xeral poden ser ordinarias ou extraordinarias.

A reunión ordinaria celebrarase como mínimo unha vez o ano dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio económico.

As reunións extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou cando o soliciten por escrito o 10% das persoas asociadas.

2. As convocatorias realizaranse por escrito, polo medio que os socios soliciten, con preferencia da comunicación telemática, sinalando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a publicación ou notificación da convocatoria e a data da celebración da asemblea en primeira convocatoria debe mediar como mínimo un prazo de sete días naturais.

3. A documentación e información sobre as materias incluídas na orde do día, estará a disposición das persoas asociadas, cunha antelación mínima de sete días naturais á celebración da Asemblea.

Artigo 15. Constitución e quórum de convocatoria

As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas sempre que concorran un terzo das persoas asociadas presentes ou representadas, na primeira convocatoria ou, transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes con dereito a voto. En todo caso, terán que estar presentes as persoas que ostentan a presidencia e a secretaría ou persoas que as substitúan.

Artigo 16. Facultades da Asemblea Xeral ordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:

  1. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
       
  2. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio, e o plan de     actividades.
       
  3. Examinar e aprobar as cotas das persoas asociadas, a proposta da Xunta     Directiva.
       
  4. Elixir e cesar as persoas integrantes da Xunta Directiva.
       
  5. Aprobar a incorporación ou separación a unha federación.
       
  6. Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
       
  7. Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.

Artigo 17. Facultades da Asemblea Xeral extraordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:

  1. Modificar os estatutos da asociación, incluído o cambio de domicilio.
       
  2. Acordar a transformación da asociación.
       
  3. Acordar a fusión da asociación.
       
  4. Acordar a disolución da asociación e designar as persoas liquidadoras.
       
  5. As que sendo competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns     de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa     convocatoria.
       
  6. Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea     Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.

Artigo 18. Adopción de acordos

1. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos nulos, en branco nin as abstencións.

2. Será necesaria a maioría absoluta dos votos emitidos, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade das persoas presentes ou representadas, para adoptar os seguintes acordos:

  1. Designación de membros da Xunta Directiva
       
  2. Acordo para constituír federacións e para integrarse ou separarse delas.    
       
  3. Disolución da asociación.
       
  4. Modificación dos estatutos, incluído    o cambio de domicilio social.
       
  5. Disposición ou alleamento de bens.
       
  6. Remuneración das persoas que integran os órganos de goberno e representación.

3. Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso ás non asistentes.

Artigo 19. A Xunta Directiva: Composición

1. A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral.

Estará formada por: Presidente/-a, Secretario/-a e Tesoureiro/-a, designados pola Asemblea Xeral entre as persoas asociadas maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís que non estean incursas en motivos de incompatibilidade legalmente establecidos.

2. A duración do seu mandato será de dous anos, podendo ser obxecto de sucesivas reeleccións.

3. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.

4. Os cargos da Xunta Directiva cesarán na súa función por:

a) Morte ou declaración de falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica

b) Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico.

c) Resolución xudicial.

d) Renuncia voluntaria.

e) Perda da condición de persoa asociada.

f) Incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas.

g) Transcurso do período do seu mandato. Neste caso e en tanto non se proceda á elección da nova Xunta Directiva, aquela continuará en funcións ata a designación dos novos membros.

5. De producirse vacantes na Xunta Directiva, estas serán desempeñadas provisoriamente polos restantes membros, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.

Artigo 20. Reunións e acordos

1. A Xunta Directiva será convocada polo presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.

2. Para estar validamente constituída deberán estar presentes, a metade máis un dos seus membros e, en todo caso, o presidente e o secretario ou as persoas que os substitúan.

3. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes. Os empates serán dirimidos mediante voto de calidade do Presidente.

Artigo 21. Facultades da Xunta Directiva

A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

  1. Programar e dirixir as actividades asociativas    
       
  2. Levar     a xestión administrativa e económica da asociación.        
       
  3. Executar os acordos da Asemblea.
       
  4. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
       
  5. Convocar e fixar as datas das Asembleas.
       
  6. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas asociadas.
       
  7. Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
       
  8. Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións     non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
     
  9. Resolver as solicitudes de ingreso de asociados/as.
       
  10. Propoñer o plan de actividades da asociación á Asemblea     Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
       
  11. Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.

Artigo 22. Obrigas documentais

A asociación disporá dos seguintes documentos, que estarán a disposición de todas as persoas asociadas:

  1. Unha relación actualizada de asociados e asociadas.CAPÍTULO III
       
  2. Documentación contable que permitan obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación     financeira da entidade, así como das actividades realizadas. Tal contabilidade levarase de conformidade coa normativa específica     que resulte de aplicación.
       
  3. Inventario dos seus bens.
       
  4. Libro de actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación.

Artigo 23. Presidente/a

A persoa que ostenta a presidencia terá as seguintes atribucións:

  1. Representar legalmente á asociación perante calquera organismo público ou privado.
       
  2. Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade os casos de empate de votos.
       
  3. Ordenar a execucióndos acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
       
  4. Ordenar os pagamentos acordados validamente.
  5. Asinar     as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación     xunto coa persoa que ostenta a secretaría     ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 24. Secretario/a

1. A persoa que ostenta a secretaría terá as seguintes atribucións:

  1. Tramitar as solicitudes de ingreso na asociación e formalizar as inscricións de altas e baixas das persoas asociadas.
       
  2. Dirixir as actividades sociais e a administración da asociación.
       
  3. Formalizar as convocatorias de reunión por orde da presidencia e redactar as actas correspondentes    
       
  4. Expedir certificacións     dos acordos co visto e prace do presidente/a, así como     emitir informes.    
       
  5. Redactar o inventario de bens da asociación.
       
  6. Custodia do arquivo de libros e documentos da asociación.
       
  7. Cumprir coas demais obrigas documentais nos termos que legalmente     corresponda.

2. A persoa que ostenta a secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituída por outro membro da Xunta Directiva designado pola persoa que ostenta a Presidencia.

Artigo 25. Tesoureiro/a

1. A persoa que ostenta a tesourería terá as seguintes atribucións:

  1. Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación, custodialos e investilos na forma acordada pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
       
  2. Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobros e pagos co visto e conforme da presidencia.
  1. Dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida a persoa que ostenta a presidencia.
       
  2. Elaboración do anteproxecto de orzamentos para a súa     aprobación
       
  3. Levar os libros de contabilidade da asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola Asemblea
       
  4. Calquera outras funcións propias de tesourería como a responsabilidade da xestión económico financeira da asociación.

CAPÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 26. Patrimonio inicial

A asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 0 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co ano natural, e terá lugar o día 31 de decembro de cada ano.

Artigo 27. Recursos económicos

A asociación manterase dos seguintes recursos:

  1. As cotas periódicas das persoas asociadas.
       
  2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.
       
  3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
       
  4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades     da asociación.
       
  5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 28. Contas anuais

1. Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico, elaboraranse as contas anuais, expresivas da situación patrimonial e contable da asociación, así como unha memoria das actividades realizadas. Esta documentación estará a disposición das persoas asociadas, durante un prazo non inferior a 7 días ao sinalado para a súa aprobación en Asemblea.

2. A Xunta directiva levará os correspondentes libros de contabilidade, que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da asociación.

Artigo 29. Destino de ingresos a fins da asociación

Como entidade sen ánimo de lucro, os beneficios obtidos derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos fins da asociación. En ningún caso, estes beneficios poderán ser repartidos entre as persoas asociadas ou calquera outra persoa física ou xurídica con interese lucrativo.

CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 30. Regulamento de réxime interno

Por acordo da Asemblea Xeral pode aprobarse un regulamento de réxime interno, que desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos.

O funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI
DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 31. Disolución

A asociación disolverase polas seguintes causas:

  1. Por acordo adoptado por maioría cualificada en asemblea xeral extraordinaria.
       
  2. Polas causas que se determinan no art. 39 do Código Civil.
       
  3. Por sentenza xudicial firme.
       
  4. Polas demais causas que se determinen nos presentes estatutos.

Artigo 32. Liquidación

1.    Acordada a disolución da asociación, ábrese o período de liquidación, ata o fin do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.

2.    Os membros da xunta directiva no momento da disolución convértense en liquidadores, salvo designación expresa de liquidadores pola asemblea xeral ou por autoridade competente.

3.    Corresponde aos liquidadores:

  1. Velar pola integridade do patrimonio da asociación.
       
  2. Concluír as operacións     pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
       
  3. Cobrar os créditos da Asociación.
       
  4. Liquidar o patrimonio e pagar os acredores.
       
  5. Destinar o haber resultante da liquidación aos fins previstos no acordo de disolución ou nos estatutos, que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa.
       
  6. Solicitar a baixa da asociación e cancelación de asentos rexistrais.

4.    Á solicitude de inscrición da disolución da asociación no rexistro acompañarase do xustificante acreditativo do destino dos bens resultantes da liquidación.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos se aplicará a Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais disposicións complementarias.

En Cedeira a 11 de febreiro de 2021