Lugares Comúns é unha asociación cuxo obxectivo é servir de punto de encontro entre persoas de orixes diversas.
A idea de Lugares Comúns nace a partir dun pequeno grupo de persoas residentes no concello de Cedeira, algunhas autóctonas, outras non nativas, outras retornadas, que comparten o interese polo intercambio de coñecemento, experiencias e cultura entre individuos como vía para facilitar a integración daqueles que deciden vir desde outros lugares para establecerse nesta terra e comezar un proxecto de vida, e para abrir xanelas a outras culturas aos que xa residían aquí.
En Lugares Comúns cremos firmemente no intercambio entre persoas como ferramenta cohesionadora e dinamizadora das comunidades, especialmente naquelas de ámbito fundamentalmente rural como é a nosa.
Aqueles que vimos doutros países para formar unha familia ou a comezar unha nova vida sabemos a importancia de establecer novos vínculos, de adaptarse a novos costumes, de atopar os recursos para os nosos proxectos e a barreira que ás veces poden supoñer elementos como a linguaxe.
Para os que somos ou temos raíces aquí, relacionarnos con xente que vén doutros lugares ofrécenos unha magnífica oportunidade de vernos a través doutros ollos, de deixar de menosprezar e poñer en valor a nosa cultura e a nosa contorna e aprender outras maneiras de facer as cousas.
Queremos ser, en definitiva, unha plataforma que sirva para facer aos de fóra máis de aquí e aos de aquí máis de fóra.